domingo, 23 de octubre de 2016

PREGOEIRA FEIRAS E FESTAS AS SAN LUCAS 2016

PREGÓN DE AS SAN LUCAS 2016

Sra. Alcaldesa, Sres. Concelleiros, Sres. membros da Comisión de Festas e demais autoridades, Sanluqueiras e Sanluqueiro, queridos  amigos e amigas:  

Non podo comezar este pregón das Feiras e Festas de As San Lucas 2016 sen unhas palabras de agradecemento para a Comisión de Festas por terme  elexido como pregoeira das mesmas. É unha auténtica honra, unha oportunidade de aprender novas cousas sobre Mondoñedo e un día que nunca  esquecerei. Hoxe atópome aquí moi  ben rodeada, moi feliz, moi  entusiasmada… pero tamén ante o que é para min un grande reto, pois tendo en conta a cidade berce de grandes personalidades na que nos atopamos, síntome moi pequena ante un lugar tan grande. Encántame escribir, falar coa xente, aprender diferentes linguas… pero se boto unha ollada aos antecesores nesta tarefa de pregoar, síntome máis pequena aínda. Espero poder estar á altura que tódolos mindonienses e visitantes chegados a Mondoñedo para gozar  destas San Lucas,  merecen ou mellor dito, merecemos.

De seguro que non son eu a única de entre todos os que hoxe ateigamos este auditorio que non é mindoniense de nacemento, por circunstancias da vida, pero si de pensamento e de corazón. O que sinto por esta cidade é cariño, amor, respecto pola súa historia e a súa xente. Aquí viven ou viviron algunhas das persoas para min máis queridas. Aquí atopo un recuncho onde poder repousar e coller forzas para un frenético día a día que transcorre a toda velocidade, case sen momentos para descansar. Mondoñedo e a súa xente son unha menciña de tranquilidade, de natureza, de liberdade, de amizade e de proximidade… Mondoñedo é vida, é historia, é un lugar que merece ser coñecido no mundo enteiro. Pero… ¿Que é ese algo que ten esta cidade para que quen vén a ela sempre queira volver?

Estamos nun entorno espectacular que mestura vales  e montañas, sol, néboa e barruzo, que mudan a paisaxe entre a mañá e a noite, sempre coa variada gama de  verdes e  co son do vento, de paxariños cantadores e de pequenas correntes de auga  que transforman  o silencio en algo marabilloso. Sen ir máis lonxe, por Sopena, a miña aldea, pasa o río Valiñadares e, de noite, co seu ruído, o suave movemento das follas das árbores e o son dalgúns animais nocturnos, constitúen un remanso de paz incomparable. Río Valiñadares que ao xuntarse co de Tronceda dan vida ao río Masma o cal, despois de percorrer un verde e produtivo val,  forma a fermosa ría de Foz na súa desembocadura.
Despois de loar tanta beleza natural teño que  pasar ao que hoxe nos concentra aquí. Galicia ten moita tradición de feiras e festas pero ningunha  cunha lonxevidade comparable coas nosas San Lucas, que agora  cumpren 860 anos, e que son as máis antigas de Galicia e unhas das que máis anos se levan celebrando de xeito ininterrompido en España.

Non son eu quen para teorizar sobre a orixe destas feiras de San Lucas, pero despois de ler a historiadores eminentes ou cronistas e escritores da nosa cidade, como o Doutor  Francisco Mayán, Lence Santar, Álvaro Cunqueiro ou o recentemente falecido don Enrique Cal Pardo, entre outros, pódome facer unha idea:

Foi no ano  de 1156 cando o rei Afonso VII lle concedeu á  pequena urbe de Vilamaior de Val de  Brea,  que máis tarde pasaría a chamarse Mondoñedo,  o título de “civitas”, palabra latina que significa “cidade”, e con el o  privilexio de celebrar feiras con oito días de duración na festa de Santa María de Agosto.
Un feito  moi importante foi a consagración da Catedral polo Bispo Martín entre o 18 e o 20 de outubro de 1224, datas en que a Igrexa celebra a festividade de San Lucas Evanxelista,  e moitos pensan que as feiras se fixeron coincidir con esa data e que polo tanto levan ese nome.  

Estes dous grandes acontecementos lévannos a preguntarnos   se se trasladarían as feiras de agosto á data da consagración da Catedral, ou se se faría coincidir a consagración cunha data máis axeitada para celebrar ao mesmo tempo as dúas conmemoracións…Sobre este asunto Don Enrique Cal Pardo afirmaba que nesa decisión debeu ter peso, aparte do feito relixioso, unha motivación de carácter social e económico: O mes de agosto era un mes no que se facían moitas labores agrícolas e se recollían moitas colleitas e produtos da terra que podían ser  comercializados nas feiras ao tempo que a poboación quedaba liberada dos  traballos do verán .

Total que, fose cal fose a razón do cambio de data, as feiras e festas de As  San Lucas acabaron coincidindo co aniversario da consagración da Catedral, aínda que o carácter das mesmas sexa eminentemente  profano, o cal non impide que moitas persoas devotas se acheguen ao Santuario da Virxe dos Remedios para pedirlle ou agradecerlle algún favor  e deixarlle algunha esmola.

Durante séculos en que a agricultura era o medio de vida dos habitantes de toda a comarca e comarcas limítrofes e a gandería, especialmente a cabalar e mular, era fundamental para o traballo e a carga, a feira de San Lucas foi punto de referencia  para transaccións de todo tipo relacionadas coa produción agrícola e gandeira, o que fixo que tratantes de gando e xentes de tódolos lugares limítrofes, e non tan limítrofes, acudisen a Mondoñedo para adquirir tódolos utensilios e aparellos que necesitaban para as actividades cotiás,  ao tempo que podían vender o que producían ou fabricaban. Para elo, dende o Seminario, pasando pola Fontevella, o Cantón,  hoxe Praza da Catedral, e as rúas céntricas, ata chegar aos Remedios e ao Campo da Feira, ateigábanse de postos, máis ou menos fixos ano tras ano,  onde se podía comprar todo o que se precisaba para a casa e para os traballos  do  día a día. E o cume de todo este trafego tiña e ten lugar na feira do gando a onde chegaban, e seguen chegando,  greas de cabalos de toda a contorna e  tratantes de Galicia e outras partes de España que, despois de examinar o animal  que lles podía interesar, entraban en negociacións e pechaban o trato cun apretón de mans con palabra de cabaleiro. Toda esta actividade combinábase, e combínase,  co encontro entre amigos e coñecidos que, ás veces, brinda  unha ocasión de verse aínda que só sexa  unha vez no ano. Sen ir máis lonxe, dende que teño acordo e acudo ás San Lucas, vexo como miña “mai” tarda quizais dúas horas en chegar dende o Seminario ata os Remedios porque a cada paso atópase con xente coñecida coa que se para un pouco a saudarse e a falar.  E de paso comprar algo en algún dos innumerables postos de venda que hai no percorrido. Postos de venda que, debido á modernización que tivo lugar nos últimos anos do século pasado e nos que van do presente, tanto nas actividades económicas coma nos medios de transporte e comunicacións, así como  á interculturalidade derivada da inmigración de países latinos ou do continente africano, experimentaron profundos cambios. Pero as xentes de Mondoñedo e todos os que nos visitan souberon adaptarse a esta nova modalidade de mercado e seguen, ano tras ano, honrándonos coa súa presencia.

Este ano a Comisión de Festas fixo o gran esforzo de ofrecernos unha semana de celebracións, cunha chea de actividades e atraccións coas que vivir con intensidade estas xornadas  que hoxe comezan. Estou segura de que, se a climatoloxía nos axuda, esta fermosa e tranquila cidade converterase nun fervedoiro de xente que, co seu ir e vir polas rúas e as prazas, polo campo dos Paxariños e a Alameda, polos postos de polbo e outros manxares,e sen deixar de probar o noso pan,  a  nosa empanada e a nosa tarta,  levará un recordo  inesquecible   e ganas de que cheguen  axiña outras San Lucas   para volver.

 E xa que unha semana da tempo para moitas cousas, eu convido desde aquí a  aqueles que o desexen a botar unha ollada, quizais a primeira para moitos,  a todos os marabillosos monumentos cos que conta a nosa cidade, comezando pola Catedral, patrimonio da Humanidade, e seguindo polo  Seminario, a Fonte Vella, a casa do Concello, o Convento das Concepcionistas, o Hospital de San Pablo, a  Igrexa dos Remedios… sen esquecer todas aquelas casas blasonadas que lles deixarán unha idea  do apoxeo que viviu no seu pasado  unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia .  E de seguro que unha primeira ollada lles servirá a moitos amantes da natureza  e da tranquilidade para destinar  unha parte das súas vacacións ou algún día libre a visitar novamente este recuncho de paz, que non remata aquí no centro senon que se complementa co convento dos Picos, antigo mosteiro polo que pasaron distintas Ordes relixiosas, a  Ponte do Pasatempo no barrio dos Muíños, ou a cova do Rei Cintolo na parroquia de Argomoso, nas proximidades de Sopena, onde eu teño a sorte de gozar da paz que mencionaba no comezo deste pregón. E non dubido de que en todas as parroquias ou aldeas do contorno  haberá unha paisaxe ou un recuncho  fermoso para facer agradable a visita a quen queira gozar duns días  de descanso. Neste senso convido ás autoridades que nos honran coa súa presencia a que promovan a organización de concursos, exposicións, competicións deportivas, xornadas, concertos, etc… que servan como motivación para que persoas  interesadas en actividades culturais ou deportivas  teñan unha razón  máis para achegarse a Mondoñedo. 
   
E, tendo en conta a   comparativa que fixo o Sr. Presidente da Comisión de Festas, o día que revelou que eu sería a pregoeira, entre a organización de As  San Lucas e os valores olímpicos de “excelencia, amizade e respecto”, quero facer referencia aos Xogos Paralímpicos nos que tiven a honra de participar recentemente e onde, por certo, sentín que moitas persoas de Mondoñedo estaban pendentes de min. “Gracias” polo voso alento.
                                                                                                                              A procura da excelencia é o intento  de ser mellor cada día, de render, de loitar, de poñer todo o que un ten para ser o mellor que pode ser… Ese é un dos motores  máis grandes que nos permite soñar. Como deportista paralímpica sei ben en que consiste e tamén que nunca se consegue totalmente,  pois sempre hai  unha oportunidade ou algo máis que se poida facer para mellorar. As San Lucas son unhas feiras e festas moi antigas, e todas  as persoas  que as poñen en marcha procuran que cada ano conten con algunha novidade para sorprender a todo aquel que a Mondoñedo se achega. Polo tanto, a loita pola excelencia pode estar ao alcance de calquera, sempre que trate de non deixarse estar  e de avanzar  cun paso á fronte.

A amizade paralímpica non entende de fronteiras, nin de linguas, nin de relixións, nin de culturas; a amizade paralímpica só precisa dunha ollada ou dun sorriso para comprender a outro deportista que loita para buscar a excelencia facendo o que lle permite a súa discapacidade. A amizade paralímpica inundou a fermosa cidade de Río de Janeiro  en forma de calquera pequeno detalle que poidades imaxinar e aínda de  xestos máis  grandes. Eu nunca antes coñecera algo igual,  e desexo de corazón que esa chama que se acendeu no espectacular estadio de Maracaná o día sete de setembro, alume o camiño a unha sociedade brasileira sumerxida na crise, nos conflitos, na pobreza e mesmo na violencia. A amizade ten que reinar nos corazóns de todos os Sanluqueiros e Sanluqueiras para que poidamos gozar duns días felices nesta cidade que nos acolle, ano tras ano, con tanto agarimo

O respecto polas tradicións é un valor paralímpico fundamental, pois unha convivencia de deportistas e axudantes de todo o mundo con diferentes culturas, relixións, costumes,  discapacidades…sería imposible de levar a cabo sen un respecto mutuo. Nunca me vou esquecer do grandioso comedor da Vila Olímpica onde había comidas  de tódolos continentes e culturas, e onde cada un coas súas  capacidades se amañaba como podía  para comer ou para moverse, e nada parecía raro. Os organizadores de As San Lucas esfórzanse por respectar e facer que se respecten as tradicións, incluíndo no programa todas aquelas actividades que axuden a preservar o espíritu que desde hai séculos se vive nestas Feiras e Festas.

E para ir rematando xa, quero facervos a todos partícipes do privilexio  de poder sentirme mindoniense, de vivir na gran cidade de Vigo e de poder vir á aldea de Sopena, que me ensinou o campo e os animais, que me abriu a posibilidade de xogar no medio rural sen vixiancia nin perigos de coches, de beber auga das fontes  tan só con agacharme, de facer camiñatas cunha vara na man, de ir ás festas, de falar galego, de comer os  freixós mentres miña avoa ou miña “mai” os facían na cociña de lareira, e mesmo de quentarme diante  do  forno da cociña de leña… Pero por enriba de todo, quero facervos partícipes da alegría que sinto por estar aquí neste acolledor auditorio compartindo con vosoutros este pregón que me permitiu exprimir o caletre e o corazón para expresar os meus mellores sentimentos. Moitas “gracias” e felices festas para todos!

Susana Rodríguez Gacio